viernes, 10 de abril de 2015

¡Novidades!

¡Moito cambiou o noso horto no último mes!
Todo grazas ó bo traballo e entusiasmo dos rapaces e, claro, tamén o bo tempo.

A comezos de marzo puxemos as patacas de Coristanco e as cebolas ¡e as cebolas xa asoman!
Son dous bos exemplos, ademáis, da reproducción asexual das plantas, pois para cultivar estas plantas non acostumamos a usar sementes, senon os tubérculos da pataca e os bulbos da cebola.
Coas cebolas non hay máis que enterrar un pouco os bulbos tendo coidado de que non lles quede aire ó redor. Para poñer as patacas collemos algunhas do ano anterior, mellor se comezan a botar a raíz, cortámolas pola metade e colocámolas nos surcos, co corte cara abaixo.

As cebolas medrando
A primeira en asomar



Antes de marchar para as vacacións plantamos tamén unhas cantas fresas, algunhas no chan, protexidas por unha tea antiherbas que impide o crecemento de mala herba e mantén o chan quentiño.
Puxemos outras en maceteiros colgantes feitos con botellas, pois xa tiñamos unhas cantas do ano pasado pero estiveron toda a Semana Santa sen rego e tan calurosa coma veu non lles sentou nada ben. ¡Esperemos que melloren!
Perdemos as flores, esperemos recuperar as plantas
Fresas protexitas















      As vacacións tampouco sentaron nada ben ós sementeiros.
Perdemos a metade das cenoiras, pementos de Padrón e espinacas que antes ían tan ben.


Quenes van xenial son as coles (rizadas e de Bruselas) aínda que o seu custou.
Mentres que as rizadas comezaron a crecer sen problema ningún e así continúan as de Bruselas foron brutalmente atacadas por eirugas e caracois.
Tamén houbo algúns días de frío que non sentaron moi ben ás poucas follas que sobreviviron ós voraces animais.

A col a medio comer
¿Que se pode facer? e ¿Que fixemos?
  • No noso horto non usamos ningún químico artificial, así que mercar productos deste tipo quedou descartado.
  • Podemos retirar manualmente ós animais pero as eirugas son moi difíciles de distinguir nas coles, pois son exactamente da mesma cor, e os caracois saen na noite ou no crepúsculo. ¡Non é hora de estar no colexio!
  • As trampas de auga ou cervexa son moi efectivas contra os caracois. Só temos que enterrar uns cacharriños cos líquidos preto das coles e os caracois caerán e morrerán afogados. Nós descartamos este método polo de agora, buscaremos algún incruento.
  • As barreiras ó redor das coles, no chan, con materiais que danan ou desagradan os caracois. O camiño de sal quedou descartado porque os mataría pero hai otras opcións que simplemente os repelen: cinza, cáscara de ovo triturada, cunchas esmagadas... ¡Esta foi a nosa opción!
    Un dos sospeitosos habituais

    Ademáis de disuadir ós caracois aportan calcio ó chan.

Con todo isto aínda había algún atrevido e as eirugas seguían sendo un problema.
Matamos dous paxaros de un tiro e resguardamos as coles con botellas de plástico cortadas (¡e abertas por arriba, claro!) que protexen ás plantas e as manteñen quentiñas.



Plantón de col recuperado
A nosa plantación ben protexida



















¡Estade atentos porque quedan moitas máis novidades!
¡Acabáranso as coles para vós!


lunes, 23 de marzo de 2015

A Materia e a Enerxía no Laboratorio

A semana pasada os rapaces de 5º de primaria desfrutaron dunhas Xornadas da Ciencia, como complemento ós temas que están a estudar nas clases: a materia e a enerxía.

Contamos coa colaboración da encargada do laboratorio de Física e Química para realizar unha serie de experimentos e experiencias que nos permitiron aprender moito e de forma moi divertida sobre as propiedades da materia.

O mellor e que a maioría dos experimentos pódense facer na casa con moi pouco gasto, polo que vos deixo aquí os materiais necesarios e o procedemento.



PRÁCTICA 1: A PILA VEXETAL


Neste experimento construimos unha pila a partires de patacas e limóns (¡do limoeiro da nosa horta!).
Imos convertela enerxía química dos vexetais, que normalmente usamos ó comelos, en enerxía eléctrica que nos permita acender un LED, con axuda dos metais máis usados na fabricación de pilas.
¡Ollo!: O que usemos nesta práctica non se poderá usar para comer despois.

Material:
  • Patacas e/ou limóns. Debe funcionar a partir de dous pero cantos máis, mellor.
  • Cables
  • Zinc: Calquera cousa deste metal ou galvanizado (zincado). Hainos en calquera ferretería.
  • Cobre: Por exemplo, as moedas de 1, 2 e 5 céntimos están recubertas de cobre.
  • Un LED 
Procedemento: 
  1. Cravamos nas patacas o zinc e o cobre, o máis alonxados un do outro e sen tocarse no interior.
  2. Conectamos cos cables o zinc dunha pataca co cobre de outra e así con todas as que teñamos.
  3. Ten que quedar libre un extremo con zinc e outro con cobre: poñémoslle cables tamén.
  4. Estes cables son os que conectarán co LED e este ¡acenderá!
Trucos:
-Cantas máis patacas (ou limóns) usemos e máis grandes sexan máis enerxía teremos e poderemos acender aparatos de máis potencia coma pequenas bombillas de resistencia ou despertadores.
-Se non funciona e o temos todo ben conectado lixar os metais pode ser a solución.


-Podemos probar con outros froitos ou tubérculos para ver cales dan máis enerxía.
Conseguimos acender un par de LED


PRÁCTICA 2: O FLUIDO SÓLIDO

Imos crear o que se coñece coma "fluido non newtoniano", un fluido cunha viscosidade non definida, senón que depende da presión ou esforzo que apliquemos sobre o mesmo.

Desta forma comportarase coma un sólido se lle aplicamos forza e coma un líquido se imos pouco a pouco.

Material:
  • Auga
  • Almidón de millo, máis coñecido coma maicena.
  • Un bol grande ou barreño
  • Opcional: Colorante alimentario
Procedemento: 
  1. Botamos unha boa cantidade de maicena no noso recipiente.
  2. Imos engadindo auga pouco a pouco e removendo ata dar coa textura espesiña que queremos.
  3. Ó dar un golpe seco contra o "líquido" este comportarase coma un sólido.
  4. Se somerxemos a man lentamente será coma un líquido.
  5. ¡Xogar, desfrutar e pringarse moito! Podes collelo coma un sólido, tentar darlle forma de boliñas e ver coma se escorre polas túas mans.
Truco: A mistura é branca, podes darlle algo de cor engadindo unhas gotas de colorante alimentario.
Pringámonos coa maicena


PRÁCTICA 3: A TINTA INVISIBLE

Faremos tinta invisible con zume de limón.
O ácido cítrico dos limóns ten unha temperatura de combustión menor a do papel. ¿Que significa isto? Que o zume quéimase antes que o papel e ó queimarse deixa a marca sobre a folla.

Material:
  • Papel
  • Pincel ou bastoncillos hixiénicos
  • Un limón
  • Unha vela acendida (¡SEMPRE CON SUPERVISIÓN DUN ADULTO!)
Procedemento: 
  1. Exprimimos o xugo dun limón.
  2. Empapamos o pincel ou bastonciño no xugo e escribimos con el no papel.
  3. Deixamos secar: a mensaxe ou debuxo desaparecen.
  4. Achegamos o papel á chama da vela o bastante para que se quente sen queimarse.
  5. ¡A nosa mensaxe aparece!
Laura, a profe de Química, revelando as mensaxes


PRÁCTICA 4: MEDIDAS DE VOLUME

Esta práctica permite explicar e experimentar o Principio de Arquímedes, que di o seguinte:

"Un corpo total ou parcialmente somerxido nun fluído en repouso, recibe un impulso de abaixo cara a arriba igual ao peso do volume do fluído que desaloxa."
Material:
  • Probetas, vasos de precipitados ou calquera recipiente con medidas de volume.
  • Plastilina
  • Pequenos obxetos que collan no noso recipiente.
Procedemento: 
  1. Enchemos a probeta de auga ata certa marca de medida (a metade, por exemplo)
  2. Facemos unha boliña coa plastilina e a botamos na auga.
  3. A diferencia de volume entre o que marca agora e o inicial é o volume da boliña.
  4. Collemos a mesma boliña e dámoslle outra forma (de tubiño, por exemplo).
  5. ¿Terá o mesmo volume ó cambiarlle a forma? ¡Proba!
  6. Gritamos ¡Eureka!
Bonus: podemos probar a medir o volume de calqueira obxeto pequeño e trastear un chisco coa plastilina.
Medindo volumes


PRÁCTICA 5: A DENSIDADE 

A densidade da auga cambia coas sustancias que teña disoltas nela, ó engadir sal aumentarmos a súa densidade o por tanto é máis doado flotar nela xa que exerce máis empuxe.

¡Por isto costa máis flotar nunha piscina que no mar e se flota tanto no Mar Morto!
Cando un ovo apodrece comeza a flotar (de feito podemos saber se un ovo é fresco por se afunde na auga), isto débese ó cambio na densidade do ovo.

Material:
  • 3 Ovos de galiña frescos (podemos arranxar con un, pero é máis visual con 3, pódense usar para comer despois).
  • Un vaso para cada ovo.
  • Sal
  • Un pau para remover
Procedemento: 
  1. Enchemos de auga os tres vasos.
  2. Nun deles disolvemos unhas culleradas de sal.
  3. Noutro disolvemos un bo puñado de sal.
  4. Botamos os ovos nos vasos e vemos o que ocorre.
  5. Teremos así ovos flotando a distintas alturas segundo a cantidade de sal disolta.
Variantes: Podemos facelo cun único ovo e ir engadindo sal pouco a pouco. É importante disolvela ben, se queda abaixo non disolta o experimento non funcionará. Sería como ter o cacao pegado no fondo da taza ¡non chocolatea o leite!
Se temos problemas para disolver podemos quentar un chisco a auga.
Tres ovos a tres alturas


¡Agora a intentalo na casa!

lunes, 2 de marzo de 2015

Obradoiro de microscopía

Este mes xurdiu e materializouse, por iniciativa das rapazas de 5ºA a idea de formar un obradoiro de microscopía nos recreos.

Na nosa primeira sesión de laboratorio, a comezos de curso, observamos ó microscopio distintas preparacións de plantas e animais que podemos atopar na horta  e falamos un pouco sobre o proceso de preparación das mostras pero todo isto non satisfizo por completo a curiosidade científica de toda a clase.

Coma no colexio encántanos saciala curiosidade científica dos alumnos montamos este pequeno obradoiro no que, en grupos reducidos, os rapaces que así o quixeron aprenderon un chisco máis sobre preparación de mostras e eles mesmos poideron preparar os cortes e tincións de células epiteliais da súa mucosa oral e de células de cebola.

A metade de cada grupo fixo unha preparación de células do seu epitelio oral, frotando o papo por dentro cun palillo e tinguindo con azul de metileno.
A outra metade tirou polas células vexetais e cortou finas láminas de pel de cebola, que tinguiron con verde de metilo.

Aproveitamos tamén para trastear un pouco cos modelos anatómicos do laboratorio, posto que na clase de Naturais están dando o tema "O Corpo" e no laboratorio contamos cuns modelos antigos e marabillosos.

¡Entre todas facemos un corpo!
Os obradoiros continuarán mentres teñamos alumnos interesados en aprender máis.

Traballando no horto

Xa quedou todo dito de como van os sementeiros pero ¡non pensedes que son o único que temos entre mans!

Febreiro trouxo algo de sol, pouco, pero dabondo para baixar uns días á horta a plantar e sementar.
Visto o febles que nos saen as plantas no laboratorio por mor da falta de luz, mercamos uns plantóns de coles nos mercados locais, pedindo consello ás vendedoras.
¡Sempre é boa idea pedir consello ós maiores e expertos!
Os rapaces de 5º transplantáronas ó horto nos seguintes pasos:
  1. Prepararon a terra a base de sacho para movela e rastrillo para igualala.
  2. Sacharon catro regos con 70 cm de distancia entre cada un.
  3. Regaron estes surcos con auga de choiva.
  4. Colocaron os plantóns nos regos, a uns 30-40 cm uns de outros.
  5. Cubriron de terra ata o comezo do talo, sen cubrir as follas e compactándoa ben.
  6. Cubriron abono de herba, procedente doutra zona do noso centro.
Plantando as coles de Bruselas
Abonando a plantación


Tamén aproveitamos sementes sobrantes do ano pasado, de chícharos e tirabeques, neste caso para ser sembradas polos rapaces de 3º. Contaron coa axuda dos rapaces de 5º, que prepararon o terreo (¡Non hai quen os separe do sacho!) e colocaron unha montaxe de paus e cordel para marcar o lugar, indican onde debían colocar as sementes e que, ademáis, serán unha boa base para entutorar as plantas cando medren.
O fixeron nos seguintes pasos:
  1. Prepararon o terreo.
  2. Clavaron uns paus (das podas), unidos por un cordel a certa altura.
  3. Cunhas azadas fixeron pequenos pero fondos surcos seguindo o cordel.
  4. Fixeron pequenos buratos nos surcos co dedo, cada 15 cm e puxeron 3 sementes en cada un.
  5. Cubriron de terra e regaron con auga de choiva.
Preparándolle o terreo ós cativos

¡Ah! E dicirvos que os sementeiros de pementos comezaron a xerminar por fin.
Por último, o álbume completo do proceso de transplante das coles e algunha cousiña máis.
¡Ata pronto!

miércoles, 25 de febrero de 2015

Estado dos sementeiros

Como dixemos na entrada anterior, fai xa un mes que arrancamos cos sementeiros.

Antes de resumir o estado actual dos mesmos, explicar os contratempos e poñer algunhas fotos vou facervos unha recomendación: anotade sempre as datas nas que realicedes cada sembra, transplante ou calquera outra actividade que afecte ós cultivos. Pode sernos útil máis adiante ou para cando volvamos sementar.
Os rapaces de quinto levan, por grupos, un pequeno diario sobre os sementeiros no que anotan o que fan e tamén cando observan cambios, como as datas de xerminación.

Preparamos os sementeiros de leitugas e pementos de Padrón, cos rapaces de 5º, entre o 20 e o 22 de xaneiro e, en menos dunha semana comezaron a asomar as plántulas de leitugas. 

O problema veu despois, cando comezaron a medrar cuns talos demasiado longos e dirixidos cara un lado. Isto non é bo para as plantas, coñécese coma "síndrome del hilillo" ou "ahilamiento" e está causado pola falta de luz.
Non hai mal que por ben non veña e aproveitamos para explicar o concepto de fototropismo e velo en directo.
Leitugas etioladas ou "ahiladas"
O fototropismo é unha resposta vexetal fronte a un estímulo luminoso que consiste no crecemento cara á luz (fototropismo positivo) ou escapando dela (fototropismo negativo).
Cando este crecemento responde a unha falta de luz durante a xerminación (coma no noso caso) chámase etiolación, o cal implica talos febles e brancos, follas moi separadas e de cor pálida (clorosis).
Espinacas saudando ó sol




A comezos de febreiro os rapaces de 3º tentárono pola súa bando con sementeiros de cenoiras e espinacas pero padeceron o mesmo mal. ¡Seica o laboratorio non é bo sitio para sementar!







Pese a todo non nos demos por vencidos e temos abertos varios frentes. Ademáis da posibilidade da sembra directa estamos tentando recuperar as plántulas ahiladas.

¿Como?
Por unha banda levamos parte das espinacas para a horta. 
Quedan non sementeiros (vasos e bricks) e poderemos traelas ó interior en caso de xeadas pero reciben luz directa.
Por outra, transplantamos unhas cantas leitugas a novos sementeiros, cubrindo de terra os talos elongados ata os cotiledóns, as dúas primeiras "follas". Os talos poderán mudar en raíces.

¿Da resultado?
É cedo para falar das espinacas, pero xa crecen máis dereitiñas.
As leitugas, por outra banda, elongaron un chisco máis os seus talos pero comezan a dar follas. Se estas non caen, pronto poderemos levalas ó seu lugar definitivo na horta.
Faremos coas cenoiras o que mellor resultado de, tendo en conta que neste caso o que máis nos interesa é a raíz.

Primeiras follas entre os cotiledóns dunha leituga etiolada

Pode que vos preguntedes polos pementos... ¡Pois seguen sen dar sinais de vida!
Sabemos que os pementos son máis lentos que as leitugas mais, tendo en conta que as sementes son do ano pasado, decidimos facer unha proba de xerminación.
Para esto collemos 10 sementes e as colocamos sobre unha cama de papel hixiénico húmido. Tardaron pero ó final todas xerminaron. Esperamos ver pronto o mesmo resultado nos sementeiros.

O que si vimos xurdir nestes sementeiros foron moitas setiñas e algunha mala herba pequena e aislada. As setas aparecen por exceso de humidade, polo que é probable que a drenaxe nalgúns dos bricks sexa pobre. As esporas das que medran estes fungos deberon vir no compost, ó igual cas sementes de malas herbas. Por iso é importante ter coidado co que botamos na composteira.

¿Pementos? ¡Non! Setas
Seta e herbiña

¡Vive!¡Está vivo!



¡Seguiremos informando! Déixovos un álbume cos alumnos de 5ºB recuperando as leitugas.

viernes, 20 de febrero de 2015

Sementeiros

¡Boas!

Levamos un tempo sen actualizar porque este mes foi unha loucura.
Actividades, ¡a neve en Santiago! o Entroido e o traballo na horta que poidemos adiantar grazas ó bo tempo ¡ata que volveron as choivas!


Recén sementados

Unha das actividades que levamos a cabo
dende o 20 de xaneiro é a creación de sementeiros de interior no laboratorio.
Os rapaces de 3º e 5º déronlle unha segunda vida os vasos de iogur, tetrabricks de leite e garrafas de auga e os convertiron en sementeiros ecolóxicos.

A razón de ser dos sementeiros é a posibilidade de comenzar os cultivos que precisan calor para xerminar cando o inverno todavía nos deixa algunhas xeadas. Deste xeito as nosas plantiñas estarán quentes e recollidas mentres son pequenas e, cando crezan e xa non faga tanto frío, serán transplantadas ó horto.
Non é recomendable sementar calquera especie desta forma xa que algunhas plantas sofren moito no transplante, como os chícharos.
Nós probamos con hortalizas que poden sementarse de forma directa pero que aceptan ben o interior, coma as leitugas e os pementos de Padrón e, unhas semanas despois, decidimos probar con espinacas e algunhas cenoiras, xa que o tempo non nos permitía baixar a sementar na terra.


¿Como o fixemos?
Cortamos unha das caras dos tetrabricks para ter unhas macetas xeniais para a sembra a voleo (espallar as sementes sen orde por toda superficie), sen esquecernos de facer buratiños na parte de abaixo, igual que nos vasos de iogur, para deixar que sala a auga de rego sobrante.

Enchemos os recipientes ata algo máis da metade con sustrato (terra) misturado cun pouco de compost caseiro do ano pasado, compactamos a terra un pouco e puxemos as sementes: a voleo nos tetrabricks e unhas pouquiñas nos vasos. Despois cubrimos cun pouco de terra, aplanamos, regamos e ¡a esperar!

Ás garrafas de 5L, que tamén poderían ser uns bos maceteiros, démoslles unha función diferente. ¡Convertímolas nos nosos pequenos invernadoiros individuais!
É moi sinxelo, só precisamos facer un corte preto da boca da garrafa que nos permita meter e sacar as macetas é pechar despois. Forramos ós bordes cortados con cinta de pintor para evitar perigos, xa que son moi cortantes.

Asoman as leitugas no pequeno invernadoiro

O plástico da garrafa fai que se manteñan no interior uns niveis de humidade e temperatura maiores que no exterior. Poidemos comprobar como as leitugas do "mini invernadoiro" xerminaron antes que as que deixamos destapadas.

Déixovos co álbume dos nenos de 5ºA sementando, en breves teredes o estado actual dos sementeiros e fotos das demáis actividades deste mes.




viernes, 30 de enero de 2015

Paz... ¡para todos!

Chegou o Día da Paz e en tódolos colexios preparámonos para festexalo dun xeito ou doutro.

Aproveitando que o pasado día 26 de xaneiro foi o Día Internacional da Educación Medioambiental queremos facer unha reflexión e ampliar o desexo de paz a todo o planeta e non soamente á nosa especie.
Deste xeito podemos entender que a paz comenza con un mesmo, segue polos demais seres humáns e exténdese a tódolos seres vivos e a toda a Terra xa que ¿hai maior paz posible que a convivencia respetuosa entre as especies do planeta?


O Instituto Jane Goodall tráenos a campaña "Mobilízate pola selva", coa que pretende promover a paz entre grupos humáns e a protección de ecosistemas de África e dos seus maiores protexidos: os chimpancés.
¿Cómo axudalos de forma sinxela? ¡Reciclando os nosos móbiles vellos!
O coltán é un mineral usado na fabricación dos móbiles cuia extracción no continente africano esta a causar guerras e conflictos armados entre poboacións, a destrucción de ecosistemas e a morte de chimpancés e gorilas, estes últimos en perigo de extinción.



Así que reciclade os vosos antigos móbiles, que en moitas ocasións quedan apartados e olvidados nun caixón, e salvade con eles vidas humáns e animais.

miércoles, 28 de enero de 2015

Ecocultura

Como xa sabedes, o obxectivo principal do proxecto Voz Natura é fomentar o amor pola natureza e o coidado do medio ambiente, especialmente nos rapaces.

Tódolos colexios que participamos do programa ó longo seus 17 anos de vida sabemos a importancia que ten a concienciación medioambiental. ¡E o ben que responden os cativos! Aínda recordo con agarimo o meu primeiro contacto con Voz Natura, na súa segunda edición coma alumna de Primaria e, como vedes, continúo co espírito dende aquela.

Existen moitos outros proxectos, asociacións, fundacións e particulares comprometidos co coidado da natureza. ¡E tamén cineastas e artistas!
A entrada de hoxe é una recomendación, a modo de lista, de películas e series infantís que transmiten unha mensaxe de amor pola natureza.

  • O Studio Ghibli
    Non é doado elixir unha soa das longametraxes deste estudios de animación xaponés xa que o ecoloxismo está presente en case todas, así que nomearemos aquelas no que é o tema central da película. As dúas primeiras están dirixidas a rapaces de máis de 7 anos:
    -La Princesa Mononoke
    -Nausicaä del Valle del Viento
    -Ponyo en el Acantilado
    -Mi Vecino Totoro
    -El Viaje de Chihiro
Escenas de Mi Vecino Totoro
David, axudando ós animais
  • David, el Gnomo e La Llamada de los gnomos
    Dúas series fantásticas de orixe español nas que os gnomos nos ensinan a apreciar o noso entorno.
  • Ferngully: Las Aventuras de Zack y Crysta
  • Lorax: En busca de la Trúfula Perdida.
    Tanto a película coma o libro do Dr. Seuss no que está baseada.
  • Wall-E
    A plantiña de Wall-E



¡E moitas máis!
Como vedes hai moitas formas de transmitir o amor polo noso medio e  a mensaxe ecoloxista.
¿Tedes algunha en mente?

lunes, 12 de enero de 2015

A volta das vacacións

Ó voltar das vacacións de Nadal, cheos de turrón e de ilusión atopamos algunhas sorpresas:

¡O papel reciclado todavía non secou! Pero en pouco tempo estará preparado para usar.
E o compost, por outra banda, elevou a súa temperatura. Non temos un termómetro para calculala pero, a ollo, semella rondar os 30 graos. ¡Bo sinal! Isto quere dicir que o estamos a facer moi ben. Ademáis, co frío que vai, é agradable meter a man no capacho cando toca removelo.

As árbores lucen xa o seu aspecto invernal e as especies de folla caduca están peladiñas, algúns cogumelos rezagados continúan a saír como se fose outono e ¡incluso hai algunha planta en flor!
Máis só as laranxeiras, mandarineiros e limoeiros están agora cargadiños de froitos.

Déixovos unhas fotos para que o vexades:
As ponlas do limoeiro case non poden con tanto limón

Coas laranxas xa podemos facer un zumiño
As mandarinas precisan madurar
Os derradeiros caquis da tempada
Tamén as maceiras quedaron espidas
Os derraideiros kiwis, antes do Nadal

A menta, pola contra, está en flor
As azaleas danlle ledicia ó inverno
Tamén os chuchameles, especie invasora, dan algo de cor
Unha sorpresa de cara á primavera: plantas de amorodos
Os rapaces de 5ºC están toliños por comezar a traballar
¡Tanto que fan os regos un pouco tortos!
O papel a secar ¡quédalle pouco!


miércoles, 7 de enero de 2015

Reciclar papel

¡FELIZ ANINOVO!

Rematan as vacacións de Nadal e aproveitamos para recordar a última actividade do ano pasado: o obradoiro de papel reciclado.

Xa coñecemos a importancia das plantas para a vida na Terra, en especial das árbores que, ademáis de xerar o osíxeno, forman ecosistemas necesarios para a vida de moitas especies.
O papel faise a partires das árbores e por iso é importante non usar máis do preciso.


Para evitar malgastar papel, enerxía e calquer outro recurso en xeral temos a Regra das Tres Erres:
  • Reducir: Reducir os materiais que usamos e non malgastar.
    No caso do papel podemos evitar usar follas enteiras para pequenas anotacións e noutros casos evitar usar embalaxe innecesario, demasiadas bolsas, enseres de usar e tirar...
  • Reutilizar: Darlle un segundo uso ou máis ó material antes de tiralo.
    Por exemplo, usar sempre as dúas caras dunha folla de papel ou aproveitar as botellas e botes de vidro.
  • Reciclar: Usar os materiais usados como nova materia prima para crear outros similares. Para isto debemos botar os residuos nos contedores adecuados:
    -Amarelo para envases lixeiros de plástico, metal e tipo brik
    -Azul para papel e cartón
    -Verde para vidro
    -Negro para os residuos orgánicos, algunhas veces é doutras cores e inclúe calquer residuo que non encaixe nas anteriores categorías

No noso colexio levamos a cabo as tres erres reducindo e reutilizando o material dentro do posible e botando o lixo nos contedores adecuados pero, ademáis, tamén temos a nosa estación de compostaxe na que reciclamos ou reutilizamos (según se mire) a materia orgánica.

Pero quixemos dar un pasiño máis e ver como se pode facer o papel reciclado na aula (ou na casa) así que a última semá do primeiro trimestre fixemos un obradoiro de papel reciclado cos rapaces de 3º e 5º.
Eles mesmos fixeron as súas follas de papel seguindo estes pasiños:
  1. Collemos papel aproveitado ó máximo, de periódico ou da trituradora.
  2. Cortámolo en anaquiños, canto máis pequenos mellor.
  3. Poñémolo en remollo, mellor se pode ser en auga quente e durante unhas horas.
  4. Para que quede mellor pasámoslle a batidora. ¡Esto sempre con axuda dun adulto!
  5. Sumerximos na mistura unha peneira do revés ou unha malla fina montada nun bastidor.
  6. A levantamos e dámoslle a volta sobre un pano ou baeta.
  7. Retiramos o exceso de auga cunha esponxa e levantamos a peneira.
  8. Podemor poñer outra baeta enriba e pasar un rodelo para deixar a folla máis lisiña.
  9. Deixamos secar entre baetas ou panos, baixo un peso.

Os cachiños a remollo
Pasamos a batidora

A mistura está lista
Podemos decorar con follas ou tintas

Ademáis de aprender sobre ecoloxismo e reciclaxe pasámolo moi ben e temos unhas fotos dos rapaces de 5ºA e 5ºC que o demostran neste álbume:




Cando marchamos para as vacación de Nadal deixamos as nosas follas de papel reciclado secando ¿Estarán listas para a nosa volta?