Mostrando entradas con la etiqueta sementeiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sementeiros. Mostrar todas las entradas

miércoles, 8 de marzo de 2017

Facendo os sementeiros

Boas! Coa entrada de Marzo e co final do inverno xa preto, comezamos a facer os sementeiros que conterán as hortalizas elixidas polos alumnos e alumnas de 5º de Primaria.

Para iso, utilizamos tubos de cartón, provenientes do papel de cociña ou do papel hixiénico. Este é un método ecolóxico de plantación, pois reutilízanse os tubos de cartón que normalmente tiraríamos ó lixo. Ademais, ó seren biodegradables, pódense introducir na terra ó transplantar a planta, aportando materia orgánica beneficiosa para o chan.

O proceso de plantación é moi sinxelo, e quedou moi ben explicado por dúas das nosas alumnas de 5º, aquí vos deixo o vídeo. Anímosvos a que probedes este método!!




Nota: É conveniente cortar os tubos de cociña á metade, para que non sexan tan longos.








viernes, 8 de mayo de 2015

Desastre no invernadoiro

Coido que non vos contamos a desfeita que nos trouxo a Semana Santa.
Estivemos moi atarefados arranxándoa pero agora nos vai de marabilla.

Se a recordades ben saberedes que esa semana veu con sol pero tamén con moito vento...¡e foi o vento o que levou por diante o noso pequeno invernadoiro!
A estructura era provisional e as pedras que termaban do plástico acabaron furándoo e caendo sobre as leitugas.
O invernadoiro destrozado
Puxémonos mans á obra e agora xa o temos cheo de leitugas listas para consumir, leitugas máis pequenas, pementos de Padrón en flor e unha chea se sementeiros que van fenomenal: espinacas, ravos, máis leitugas, cabazas, flores...

A estructura base de ferro é o esqueleto dunha mesa vella e a porta pequena está feita con botellas PET unidas. O plástico para recubrilo non nos quedou máis remedio que mercalo, pero xa vedes que procuramos aforrar e reciclar todo o que se pode.
A porta de botellas é fanstástica porque deixa pasar a luz e tamén un pouco de aire que ventila o invernadoiro e aporta osíxeno ás plantas.

Fixamos dous lados enterrando o plástico na terra e deixamos outro lado solto para poder traballar dentro con máis facilidade. Este lado o mantemos pechado cunhas pedras e unha rama, para que quede ben asegurado.
Aquí vedes a porta de botellas e o lado solto para traballar a gusto.

 Para facer a porta cortamos o cu das botellas (menos as de enriba) e encaixamos unhas con outras,apoiando a boquilla das últimas no chan.
Para unilas e aseguralas usamos arame e cinta adhesiva e un chisco do plástico que quedou do anterior invernadoiro para impedir que entre moita choiva pola parte superior.
As estrías das botellas permiten que entre unha suave brisiña e airee o interior.
O lado enterrado no chan, por onde máis sol lle chega.

O teito a dúas augas fai que a auga da choiva escorregue cara o chan e non encharque a parte superior.

Aquí podedes ver as leitugas á dereita e os pementos de Padrón á esquerda, aínda pequerrechos.
O invernadoiro deixa pasar os raios de sol pero non permite escapar a calor. Non estar tan exposto ao vento tamén axuda a manter a temperatura.
¡Esto fixo medrar coma tolas ás leitugas!
Pintaza das leitugas e pementos de Padrón coas primeiras flores.
As novas leitugas, pementos, sementeiros e unha col estraviada.

Rapaces de 6ºA acarrexando o material.


Estanos a dar tan bo resultado que xa nos fixemos con outra mesa vella e comezamos a construir o segundo invernadoiro, nesta ocasión darémoslle forma cuns hula-hoops rotos.

Tamén atopamos algunha outra cousiña que pensamos aproveitar para facer cultivos verticais, maceteiros, etc...


Estamos na primeira fase.





                    ¡Seguimos ó pé do cañón!

lunes, 2 de marzo de 2015

Traballando no horto

Xa quedou todo dito de como van os sementeiros pero ¡non pensedes que son o único que temos entre mans!

Febreiro trouxo algo de sol, pouco, pero dabondo para baixar uns días á horta a plantar e sementar.
Visto o febles que nos saen as plantas no laboratorio por mor da falta de luz, mercamos uns plantóns de coles nos mercados locais, pedindo consello ás vendedoras.
¡Sempre é boa idea pedir consello ós maiores e expertos!
Os rapaces de 5º transplantáronas ó horto nos seguintes pasos:
  1. Prepararon a terra a base de sacho para movela e rastrillo para igualala.
  2. Sacharon catro regos con 70 cm de distancia entre cada un.
  3. Regaron estes surcos con auga de choiva.
  4. Colocaron os plantóns nos regos, a uns 30-40 cm uns de outros.
  5. Cubriron de terra ata o comezo do talo, sen cubrir as follas e compactándoa ben.
  6. Cubriron abono de herba, procedente doutra zona do noso centro.
Plantando as coles de Bruselas
Abonando a plantación


Tamén aproveitamos sementes sobrantes do ano pasado, de chícharos e tirabeques, neste caso para ser sembradas polos rapaces de 3º. Contaron coa axuda dos rapaces de 5º, que prepararon o terreo (¡Non hai quen os separe do sacho!) e colocaron unha montaxe de paus e cordel para marcar o lugar, indican onde debían colocar as sementes e que, ademáis, serán unha boa base para entutorar as plantas cando medren.
O fixeron nos seguintes pasos:
  1. Prepararon o terreo.
  2. Clavaron uns paus (das podas), unidos por un cordel a certa altura.
  3. Cunhas azadas fixeron pequenos pero fondos surcos seguindo o cordel.
  4. Fixeron pequenos buratos nos surcos co dedo, cada 15 cm e puxeron 3 sementes en cada un.
  5. Cubriron de terra e regaron con auga de choiva.
Preparándolle o terreo ós cativos

¡Ah! E dicirvos que os sementeiros de pementos comezaron a xerminar por fin.
Por último, o álbume completo do proceso de transplante das coles e algunha cousiña máis.
¡Ata pronto!

viernes, 20 de febrero de 2015

Sementeiros

¡Boas!

Levamos un tempo sen actualizar porque este mes foi unha loucura.
Actividades, ¡a neve en Santiago! o Entroido e o traballo na horta que poidemos adiantar grazas ó bo tempo ¡ata que volveron as choivas!


Recén sementados

Unha das actividades que levamos a cabo
dende o 20 de xaneiro é a creación de sementeiros de interior no laboratorio.
Os rapaces de 3º e 5º déronlle unha segunda vida os vasos de iogur, tetrabricks de leite e garrafas de auga e os convertiron en sementeiros ecolóxicos.

A razón de ser dos sementeiros é a posibilidade de comenzar os cultivos que precisan calor para xerminar cando o inverno todavía nos deixa algunhas xeadas. Deste xeito as nosas plantiñas estarán quentes e recollidas mentres son pequenas e, cando crezan e xa non faga tanto frío, serán transplantadas ó horto.
Non é recomendable sementar calquera especie desta forma xa que algunhas plantas sofren moito no transplante, como os chícharos.
Nós probamos con hortalizas que poden sementarse de forma directa pero que aceptan ben o interior, coma as leitugas e os pementos de Padrón e, unhas semanas despois, decidimos probar con espinacas e algunhas cenoiras, xa que o tempo non nos permitía baixar a sementar na terra.


¿Como o fixemos?
Cortamos unha das caras dos tetrabricks para ter unhas macetas xeniais para a sembra a voleo (espallar as sementes sen orde por toda superficie), sen esquecernos de facer buratiños na parte de abaixo, igual que nos vasos de iogur, para deixar que sala a auga de rego sobrante.

Enchemos os recipientes ata algo máis da metade con sustrato (terra) misturado cun pouco de compost caseiro do ano pasado, compactamos a terra un pouco e puxemos as sementes: a voleo nos tetrabricks e unhas pouquiñas nos vasos. Despois cubrimos cun pouco de terra, aplanamos, regamos e ¡a esperar!

Ás garrafas de 5L, que tamén poderían ser uns bos maceteiros, démoslles unha función diferente. ¡Convertímolas nos nosos pequenos invernadoiros individuais!
É moi sinxelo, só precisamos facer un corte preto da boca da garrafa que nos permita meter e sacar as macetas é pechar despois. Forramos ós bordes cortados con cinta de pintor para evitar perigos, xa que son moi cortantes.

Asoman as leitugas no pequeno invernadoiro

O plástico da garrafa fai que se manteñan no interior uns niveis de humidade e temperatura maiores que no exterior. Poidemos comprobar como as leitugas do "mini invernadoiro" xerminaron antes que as que deixamos destapadas.

Déixovos co álbume dos nenos de 5ºA sementando, en breves teredes o estado actual dos sementeiros e fotos das demáis actividades deste mes.