jueves, 1 de noviembre de 2018

VOLVEMOS A HORTA EN COMPAÑÍA!



Benvidos e benvidas ao novo curso!
Xa estamos de volta cos alumnos e alumnas de 3º e 5º de primaria para poñer a punto, un ano máis, a nosa horta! Temos moitas ideas na cachucha para este novo curso, pero imos ir pasiño a pasiño para convertelas en proxectos de a pé.
Este ano comezamos cunha boa limpeza da horta. Toda a herba acumulámola para facer mulch, unha cobertura natural que empregaremos para protexelo solo dos centos de alertas laranxas ás que o inverno Compostelán nos ten acostumad@s.
Recollendo a herba para o Mulch.

Por certo! Xa recollemos do compostador o abono que fixemos o curso pasado e estamos moi content@s de ver a gran calidade deste compost. Agora podemos dicir que somos todos uns expert@s composteir@s! Esta compostaxe utilizarémola para facer os primeiros sementeiros do ano e tamén para abonar as nosas parcelas.


Apañando o compost deste ano e facendo sementeiros con el.


Outra tarefa do mes de outubro foi a recolecta. Patacas, cenorias, pementos, tomates e fabas foron algunhas das hortalizas que puidemos coller. Pero non só de hortalizas senón tamén de sementes que serán destinadas para as sementeiras deste curso escolar.
Hortalizas e sementes a piques de apañar.


Algunhas das hortalizas usámolas para darlles de comer os nosos vermes xa que, como sabedes, o ano  pasado, xunto cos alumnos de tecnoloxía industrial, construímos uns  vermicomposteiros, e este verán naceu a segunda xeración de vermes. O sustrato que nos deixan estes pequenos animais é incríbel! Moi escuro, cheo de nutrientes e sen olores!!
O noso rico e nutritivo compost!

A pena é que xa chegan as chuvias…pero non pasa nada!  porque temos preparadas actividades  alternativas no laboratorio do colexio. De feito, como estudamos a fotosíntese en ciencias naturais, aproveitamos para ver ao microscopio óptico os estomas, esas pequenas células oclusivas que se encontran nas follas das nosas plantas, que se abren e se cerran para permitilo paso de osíxeno e dióxido de carbono entre o interior e o exterior da planta.  E os pequenos de 3º puideron ver os tricomas das ortigas, eses peliños que nos botan ácido fórmico e nos causa unha sensación moi molesta. Menos mal que coa menta da horta aliviámola ben rápido!


Estomas da planta dun porro.
 Imagen: biologiageotollon.blogspot.com



Tricoma de ortiga.
Imagen: ecoosfera.com


Iremos contando boas novas ó longo do curso! Podedes comentar e darnos ideas. Este blog é de tod@s e para tod@s! 
Aprendendo xunt@s. Contigo, no horto, en Compañía!