Mostrando entradas con la etiqueta HORTO 2017-18. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta HORTO 2017-18. Mostrar todas las entradas

viernes, 4 de mayo de 2018

COIDANDO DOS NOSOS CULTIVOS


Por fin saíu o sol, e con el nós!

Estivemos a facer moitas cousas no horto, transplantes dos sementeiros, de herbas aromáticas, carteis que identifican os cultivos da horta, pero tamén coidamos o que xa temos! E para protexer aos noso cultivos das pragas, das enfermidades e das carencias nutricionais que podan ter, estivemos elaborando infusións e puríns, algo que resultou moi divertido e onde puidemos participar todos!

Fixemos infusións de allo, moi boas para espantar pragas, e puríns de ortigas, para aportar nutrientes as plantas. As elaboracións saíron moi ben! e tamén o pasamos ben, incluso houbo algún que mentres picaba os allos metía algún na boca! e outros que mentres recollían as ortigas tiveron algún picor, pero nada que non resolvera a menta que temos na horta! Para iso está!

Faremos máis infusións! e botarémolas nas nosas plantas, para que crezan vigorosas e sans!
Transplantando a leituga

Sacando as herbas espontáneas da escarola

Preparando o purín de ortigas

lunes, 9 de abril de 2018

VISITA DAS MESTRAS COMPOSTEIRAS AO COLE


Esta semana visitáronnos as mestras composteiras da deputación de Pontevedra. Elas son as encargadas de manter os composteiros comunitarios que hai en varios dos concellos desta provincia.

As mestras ensináronlle os rapaces cal é o seu traballo, ademais de falar sobre a importancia de reciclar a materia orgánica e crear un novo material como é o abono.

Trouxéronnos unhas mostras de compost en diferentes etapas da súa descomposición e os rapaces puideron observar e clasificar as distintas especies de macroinvertebrados presentes nas mostras. Foi moi divertido!

Ademais tivemos a sorte de que os alumnos de tecnoloxía industrial fixeron uns vermicomposteiros para o noso horto, que son uns compostadores onde os encargados de producir o abono son os vermes. Xa os estreamos!! e estamos dándolle de comer os vermes bebés!
Escoitando as mestras composteiras

Comprobando a temperatura do noso composteiro

Vermicomposteiros feitos polo alumnado de tecnoloxía insdustrial.

viernes, 23 de marzo de 2018

OS INSECTOS


Boas a tod@s! 
A agricultura sempre foi da man dos refráns, algúns coma “marzo marzadas, aire frío e sarabiadas”,“vento marzal, bo temporal” ou “febreiro louco e marzo outro pouco” son moi axeitados  á hora de describir o tempo cambiante dun mes tan importante no horto como marzo. Pero aproveitamos ben estes días de chuvia, pois estudamos moitos dos insectos que habitan no noso horto, e tamén sobre outros que non coñeciamos.
Ti sabías que a xoaniña ten o sentido do olfacto nas súas patas? E que move 85 veces por segundo as súas ás?  E sabías que se alimenta, xunto coa crisopa, dos pulgóns que habitan nas árbores froiteiras do horto? Ou que hai un insecto chamado grilo topo que provén do norte de África? Todo isto e moitas cousas máis aprenderon os nosos alumnos durante este mes en horto. Eles mesmos elaboraron uns traballos ben xeitosos sobre os insectos que habitan no horto.  Buscaron información sobre eles, o seu nome científico, como son, de que se alimentan, ou que papel importante desempeñan no noso horto.
Aquí vos deixo algunhas das maquetas que elaboraron os rapaces. Sen dúbida son uns artistas!
Xoaniñas

Mantis relixiosa

Grilo topo

Ouruga

Crisopa

Xoaniña

 
Bolboreta

jueves, 1 de febrero de 2018

SEMANA DA PAZ




Esta semana foi moi especial, celebrouse no noso colexio o día da paz, e espero que todos os que estades lendo este blog podades gozar dun sentimento de paz  dentro dos vosos corazóns. Animarvos a ter unha horta e traballala! sen dúbida fomenta esta sensación. E sabémolo ben no cole, pois os rapaces cada día traballan mellor en equipo coidando da vida que eles mesmos sementan.
Preparando o terreo
Traballando en equipo


Esta semana tamén  foi moi especial no horto, pois comezamos a axudar no proxecto que están a levar a cabo os alumnos de 5ºB de EP coa construción dun invernadoiro para o horto que comezaron a deseñar en matemáticas.  Un proxecto ambicioso que esperamos levar a cabo en comunidade e paz.
Imos informando!
:)

viernes, 26 de enero de 2018

COMEZO DE PROXECTOS



Esta semana os nenos e nenas de 3ºEP comezaron a construír pluviómetros para poder medir a cantidade de auga que cae os días de choiva, anotarán eses resultados nunha táboa para poder coñecer ó longo do tempo como é a precipitación na nosa cidade e en consecuencia no noso horto.
Pluviómetro graduado
Colocando os pluviómetro no horto para a recollida da chuvia


Por outra banda, os de 5ºEP fixeron uns calendarios de sementeira, planificando os cultivos que queren sementar nos próximos meses. Están moi ilusionados! 

viernes, 19 de enero de 2018

SEMENTANDO MÁIS E MELLOR




Esta semana a dedicamos a sementar máis hortalizas para encher de vida a nosa horta, os rapaces sementaron pementos de Padrón, tomates e pementos morróns, agora temos que coidalos ben para ter una boa colleita.

A boa nova e que xa xerminaron as cenorias, agora temos que eliminar as herbas espontáneas para que non esgoten os nutrientes que precisan as nosas hortalizas, é un pouco difícil porque aínda son moi pequeniñas, pero pouco a pouco as vamos diferenciando do resto.
Sacando as herbas espontáneas


viernes, 12 de enero de 2018

FELIZ ANO!




Despois dunhas semanas de nadal volvemos a horta con moito traballo por diante, Os rapaces tiveron que dedicarse ó mantemento do horto para poñelo a punto.
Removelo composteiro, rarear os sementeiros de leituga foron algunhas das tarefas desta semana, pero sempre queda un pouco de tempo para sementar, pois houbo que poñelos cultivos de inverno como as fabas, as cebolas, os allos e os chícharos, agora a esperar que xerminen.
Aireando o composteiro
Delimitando a zona sementada

jueves, 21 de diciembre de 2017

CIENCIA EN GALEGO!


Esta semana foi a semana da ciencia en galego e estivemos a realizar un montón de experimentos en tódolos cursos. Os alumnos e alumnas de 3º e 5º de EP  de horto escolar non ían ser menos e tamén tiveron as súas experiencias no laboratorio.
O que quixemos foi trasladar o horto ao laboratorio. Así pois fixemos cromatografías coas follas do horto, nelas puidemos observar que pigmentos teñen as distintas follas.
Ademais  traballamos ca materia e cunha das propiedades máis importantes, a densidade. En 3ºde EP fixemos lámpadas de lava e en 5º de EP a simulación dun arco da vella nunha probeta.

Déixovos unhas fotos destas sesións tan divertidas!
Experimentos feitos!

A Lámpada!

Enchendo de aceite e auga o recipiente da lámpada

Arco da vella listo

Preparando o arco da vella

Botando o colorante na lámpada.
Engadindo os distintos materiais


Coa ciencia despedímonos ate o ano que ven y vos desexamos un bo nadal e próspero aninovo.

Vémonos a volta, no 2.018!

Saúdos!

viernes, 15 de diciembre de 2017

AS FOLLAS DO OUTONO


Encontrámonos a finais do outono e o noso horto está cheo de follas que caen das árbores, de diferentes cores e tonalidades. Aproveitamos a gran riqueza destas para coñecer un pouquiño mellor todas as especies que temos, a forma das súas follas e as propiedades de cada árbore.

Tamén recollemos as follas para protexer o solo onde aínda non temos cultivos, para protexelo das xeadas propias do comezo do inverno.




Por outra banda, os máis maiores estiveron coñecendo en clase un pouquiño máis sobre o proceso de compostaxe, os materiais que se poden usar e os microorganismos que participan neste proceso. Xa o estamos poñendo en práctica, pronto vos ensinaremos o noso abono! ;)

viernes, 8 de diciembre de 2017

AS FASES LUNARES E A SAVIA DAS PLANTAS


Durante esta semana e coincidindo coa última súper lúa do ano, vimos as distintas fases lunares e a influencia que teñan na agricultura.

Así como as mareas son influenciadas pola atracción da lúa, a savia das plantas tamén. Se coñecemos a relación do movemento destes nutrientes a través das plantas, dependendo do estado lunar no que nos atopemos, poderemos obter cultivos de maior calidade e realizar as tarefas de mantemento cando mais conveña.

Aquí vos deixo un pequeno debuxo onde se explica a relación do movemento da savía e a fase lunar.
AS FASES LUNARES E AS PLANTAS

viernes, 1 de diciembre de 2017

OS TROPISMOS






As leitugas que sementamos fai semanas  xa  xermolaron,  agora están tomando o sol e nutríndose ben para poder alimentarnos a nos dentro duns meses.

Grazas ao experimento que fixemos de sementar algunhas leitugas na horta e outras no laboratorio, agora podemos ver con moita claridade como crecen as plantas buscando a luz.

 O fototropismo  é unha resposta da planta ante o estímulo luminoso, onde a planta crece cara a luz alongando o seu talo feble. Por outra banda as leitugas que xerminaron no horta teñen as follas moito mais grandes e un talo bastante mais pequeniño e forte.

Á esquerda temos o sementeiro do invernadoiro e á dereita o do laboratorio


Temos que diferenciar o fototropismo do heliotropismo, pois o fototropismo implica o crecemento da planta cara a luz, e o heliotropismo soamente implica o seu movemento cara a luz.
Tamén puidemos ver no horto casos de tigmotropismo, esta é unha resposta direccional dunha planta ao contacto cunha superficie sólida, o efecto é o crecemento arredor dela.
Tigmotropismo

viernes, 24 de noviembre de 2017

AS FERRAMENTAS DO HORTO




Esta semana os alumnos de 3º de EP coñeceron un pouquiño mais acerca das ferramentas que manexamos no  horto. Para que sirve e como se utilizan foron aspectos que vimos tanto na aula coma no horto. É importante coñecer as nosas ferramentas para poder facer un bo uso e así facer un bo mantemento do noso horto.


En 5º de EP estivemos coidando do horto, recollendo as follas das árbores e as mazás do chan para preparar a compostaxe de cara a primavera e tamén transplantamos escarola, hortaliza moi utilizada nas ensaladas.
Preparando os materiais para elaborar compost

Preparando o terreo para transplantar escarola
Recollendo as follas para o proceso da compostaxe


viernes, 17 de noviembre de 2017

VARIEDADE DE NIÑOS NA NATUREZA




Ola a todos/as!

Esta semana tivemos unhas aulas moi interesantes e todo grazas a colaboración dos pais e das nais dos nosos alumnos, pois trouxéronnos distintas estruturas de niños, entre elas puidemos ver un niño  de Mantis relixiosa (ou Santa Teresa) e coñecer un pouquiño mais sobre este insecto de grandes ollos que ten as súas patas dianteiras recollidas ante a cabeza provistas de espiñas para suxeitar as súas presas.
Niño de Mantis relixiosa


Tamén observamos distintas estruturas de niños de aves, un feito con musgo, liques  e pelos de animais e outro feito con ramas e follas das árbores, todos eles moi ben feitiños.
Niño de ave


Por último puidemos ver o da vespa velutina, con larvas no seu interior en distinto momento do seu desenvolvemento! Os nenos xa coñecen ben esta vespa asiática e a ameaza sobre as poboacións das nosas abellas.
Niño de vespa velutina

viernes, 10 de noviembre de 2017

SEMENTEIROS DE LEITUGA


Durante esta semana fixemos sementeiros de leituga ademais dun invernadoiro para poder protexelos ata a xerminación. Pero non todos os grupos sementaron no horto, algúns deixaron os seus sementeiros no laboratorio para ver se as sementes crecen igual estando no interior ca no exterior.
Sementeiros no invernadoiro

Sementeiros no laboratorio

jueves, 2 de noviembre de 2017

SEMENTANDO, TRANSPLANTANDO E GOZANDO DO SAMAÍN!





Esta semana a pesar do festivo traballamos moitísimo! Os alumnos de 3º de EP traballaron o terreo para facer o transplante de espinacas e acelgas que trouxemos da aldea. Ademais sacaron e limparon as sementes das cabazas para gardar e sementar na primavera. Por outra banda os alumnos de 5º de EP sementaron cenorias e decoraron as cabazas!

Sacando as sementes da cabaza para gardar no banco de sementes do cole.

Decorando as cabazas para o Samaín.

viernes, 27 de octubre de 2017

PLANO DO HORTO




Os rapaces teñen moitas ganas de sementar, pero antes temos que coñecer ben onde imos a facelo, temos que coñecer como é o noso horto. 

Esta semana fixemos, mediante grupos, planos do horto. No plano identificamos as parcelas que compoñen o noso horto e tomamos as medidas de largo e ancho daquelas que iamos usar para o cultivo. Despois, cun compás, determinados a orientación das parcelas e determinamos con cores as zonas de mais sombra e as zonas de mais luz. Todo isto será útil para coñecer o lugar mais axeitado para sementar.

Planos do horto