Boas Compañeiros/as!
Xa levamos un tempiño sen pasarnos polo blog. As continuas
chuvias as que o inverno compostelán xa nos ten acostumados non nos dan moita
tregua para poñer a punto o horto, pero non pasa nada porque así tamén podemos
gozar do laboratorio do cole que seguramente botaremos de menos cando saia o
sol.
E dado que non para de chover, no laboratorio falamos da importancia da
auga. Os nenos e nenas que traballan no horto xa teñen moi claro que a auga é necesaria para
o bo crecemento dos nosos cultivos, é fonte de vida pero, na auga hai vida? Isto
foi o que comprobaron no laboratorio os rapaces. Eles mesmos prepararon unha
mostra de auga doce estanca na que puideron identificar distintas especies microscópicas
tanto de orixe animal coma vexetal. Esta experiencia sen dúbida fainos ver a
auga con outra perspectiva.
Que puidemos ver?
Táboa Microorganismos. Elaboración propia. |
Pero ademais de traballar no estudio da auga tamén traballamos
coas cores do outono. Se hai algo que nos chama moito a atención nestas datas
son as paisaxes tan fermosas cheas de diversas cores. Cores coma o amarelo, vermello, castaños ou verdes de
distintos tons debuxan unha natureza que nos fai soñar. Pero estas cores están
sempre nas follas? Quen é o responsable de que as follas cambien de cor?
Para festexar a semana da ciencia en galego fixemos unhas
tarxetas coas cales respondemos a estas preguntas que tódolos anos nos facemos. E quedaron ben chulas!
As moléculas (pigmentos) son as responsables das distintas cores que presentan as follas. Todos
coñecemos a clorofila pero esta non é a única, hai moitas máis! Elas
encárganse de absorber e reflectir a luz de
distinta maneira para así ensinarnos diversas cores.
Cando os días comezan a acurtarse e as follas a caer das
árbores, a clorofila marcha! E con ela marchamos nós tamén…pero non vos
preocupedes, que volvemos despois do nadal!
Vémonos no horto, en compañía! J
No hay comentarios:
Publicar un comentario