miércoles, 25 de febrero de 2015

Estado dos sementeiros

Como dixemos na entrada anterior, fai xa un mes que arrancamos cos sementeiros.

Antes de resumir o estado actual dos mesmos, explicar os contratempos e poñer algunhas fotos vou facervos unha recomendación: anotade sempre as datas nas que realicedes cada sembra, transplante ou calquera outra actividade que afecte ós cultivos. Pode sernos útil máis adiante ou para cando volvamos sementar.
Os rapaces de quinto levan, por grupos, un pequeno diario sobre os sementeiros no que anotan o que fan e tamén cando observan cambios, como as datas de xerminación.

Preparamos os sementeiros de leitugas e pementos de Padrón, cos rapaces de 5º, entre o 20 e o 22 de xaneiro e, en menos dunha semana comezaron a asomar as plántulas de leitugas. 

O problema veu despois, cando comezaron a medrar cuns talos demasiado longos e dirixidos cara un lado. Isto non é bo para as plantas, coñécese coma "síndrome del hilillo" ou "ahilamiento" e está causado pola falta de luz.
Non hai mal que por ben non veña e aproveitamos para explicar o concepto de fototropismo e velo en directo.
Leitugas etioladas ou "ahiladas"
O fototropismo é unha resposta vexetal fronte a un estímulo luminoso que consiste no crecemento cara á luz (fototropismo positivo) ou escapando dela (fototropismo negativo).
Cando este crecemento responde a unha falta de luz durante a xerminación (coma no noso caso) chámase etiolación, o cal implica talos febles e brancos, follas moi separadas e de cor pálida (clorosis).
Espinacas saudando ó sol




A comezos de febreiro os rapaces de 3º tentárono pola súa bando con sementeiros de cenoiras e espinacas pero padeceron o mesmo mal. ¡Seica o laboratorio non é bo sitio para sementar!







Pese a todo non nos demos por vencidos e temos abertos varios frentes. Ademáis da posibilidade da sembra directa estamos tentando recuperar as plántulas ahiladas.

¿Como?
Por unha banda levamos parte das espinacas para a horta. 
Quedan non sementeiros (vasos e bricks) e poderemos traelas ó interior en caso de xeadas pero reciben luz directa.
Por outra, transplantamos unhas cantas leitugas a novos sementeiros, cubrindo de terra os talos elongados ata os cotiledóns, as dúas primeiras "follas". Os talos poderán mudar en raíces.

¿Da resultado?
É cedo para falar das espinacas, pero xa crecen máis dereitiñas.
As leitugas, por outra banda, elongaron un chisco máis os seus talos pero comezan a dar follas. Se estas non caen, pronto poderemos levalas ó seu lugar definitivo na horta.
Faremos coas cenoiras o que mellor resultado de, tendo en conta que neste caso o que máis nos interesa é a raíz.

Primeiras follas entre os cotiledóns dunha leituga etiolada

Pode que vos preguntedes polos pementos... ¡Pois seguen sen dar sinais de vida!
Sabemos que os pementos son máis lentos que as leitugas mais, tendo en conta que as sementes son do ano pasado, decidimos facer unha proba de xerminación.
Para esto collemos 10 sementes e as colocamos sobre unha cama de papel hixiénico húmido. Tardaron pero ó final todas xerminaron. Esperamos ver pronto o mesmo resultado nos sementeiros.

O que si vimos xurdir nestes sementeiros foron moitas setiñas e algunha mala herba pequena e aislada. As setas aparecen por exceso de humidade, polo que é probable que a drenaxe nalgúns dos bricks sexa pobre. As esporas das que medran estes fungos deberon vir no compost, ó igual cas sementes de malas herbas. Por iso é importante ter coidado co que botamos na composteira.

¿Pementos? ¡Non! Setas
Seta e herbiña

¡Vive!¡Está vivo!



¡Seguiremos informando! Déixovos un álbume cos alumnos de 5ºB recuperando as leitugas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario