miércoles, 25 de febrero de 2015

Estado dos sementeiros

Como dixemos na entrada anterior, fai xa un mes que arrancamos cos sementeiros.

Antes de resumir o estado actual dos mesmos, explicar os contratempos e poñer algunhas fotos vou facervos unha recomendación: anotade sempre as datas nas que realicedes cada sembra, transplante ou calquera outra actividade que afecte ós cultivos. Pode sernos útil máis adiante ou para cando volvamos sementar.
Os rapaces de quinto levan, por grupos, un pequeno diario sobre os sementeiros no que anotan o que fan e tamén cando observan cambios, como as datas de xerminación.

Preparamos os sementeiros de leitugas e pementos de Padrón, cos rapaces de 5º, entre o 20 e o 22 de xaneiro e, en menos dunha semana comezaron a asomar as plántulas de leitugas. 

O problema veu despois, cando comezaron a medrar cuns talos demasiado longos e dirixidos cara un lado. Isto non é bo para as plantas, coñécese coma "síndrome del hilillo" ou "ahilamiento" e está causado pola falta de luz.
Non hai mal que por ben non veña e aproveitamos para explicar o concepto de fototropismo e velo en directo.
Leitugas etioladas ou "ahiladas"
O fototropismo é unha resposta vexetal fronte a un estímulo luminoso que consiste no crecemento cara á luz (fototropismo positivo) ou escapando dela (fototropismo negativo).
Cando este crecemento responde a unha falta de luz durante a xerminación (coma no noso caso) chámase etiolación, o cal implica talos febles e brancos, follas moi separadas e de cor pálida (clorosis).
Espinacas saudando ó sol




A comezos de febreiro os rapaces de 3º tentárono pola súa bando con sementeiros de cenoiras e espinacas pero padeceron o mesmo mal. ¡Seica o laboratorio non é bo sitio para sementar!







Pese a todo non nos demos por vencidos e temos abertos varios frentes. Ademáis da posibilidade da sembra directa estamos tentando recuperar as plántulas ahiladas.

¿Como?
Por unha banda levamos parte das espinacas para a horta. 
Quedan non sementeiros (vasos e bricks) e poderemos traelas ó interior en caso de xeadas pero reciben luz directa.
Por outra, transplantamos unhas cantas leitugas a novos sementeiros, cubrindo de terra os talos elongados ata os cotiledóns, as dúas primeiras "follas". Os talos poderán mudar en raíces.

¿Da resultado?
É cedo para falar das espinacas, pero xa crecen máis dereitiñas.
As leitugas, por outra banda, elongaron un chisco máis os seus talos pero comezan a dar follas. Se estas non caen, pronto poderemos levalas ó seu lugar definitivo na horta.
Faremos coas cenoiras o que mellor resultado de, tendo en conta que neste caso o que máis nos interesa é a raíz.

Primeiras follas entre os cotiledóns dunha leituga etiolada

Pode que vos preguntedes polos pementos... ¡Pois seguen sen dar sinais de vida!
Sabemos que os pementos son máis lentos que as leitugas mais, tendo en conta que as sementes son do ano pasado, decidimos facer unha proba de xerminación.
Para esto collemos 10 sementes e as colocamos sobre unha cama de papel hixiénico húmido. Tardaron pero ó final todas xerminaron. Esperamos ver pronto o mesmo resultado nos sementeiros.

O que si vimos xurdir nestes sementeiros foron moitas setiñas e algunha mala herba pequena e aislada. As setas aparecen por exceso de humidade, polo que é probable que a drenaxe nalgúns dos bricks sexa pobre. As esporas das que medran estes fungos deberon vir no compost, ó igual cas sementes de malas herbas. Por iso é importante ter coidado co que botamos na composteira.

¿Pementos? ¡Non! Setas
Seta e herbiña

¡Vive!¡Está vivo!



¡Seguiremos informando! Déixovos un álbume cos alumnos de 5ºB recuperando as leitugas.

viernes, 20 de febrero de 2015

Sementeiros

¡Boas!

Levamos un tempo sen actualizar porque este mes foi unha loucura.
Actividades, ¡a neve en Santiago! o Entroido e o traballo na horta que poidemos adiantar grazas ó bo tempo ¡ata que volveron as choivas!


Recén sementados

Unha das actividades que levamos a cabo
dende o 20 de xaneiro é a creación de sementeiros de interior no laboratorio.
Os rapaces de 3º e 5º déronlle unha segunda vida os vasos de iogur, tetrabricks de leite e garrafas de auga e os convertiron en sementeiros ecolóxicos.

A razón de ser dos sementeiros é a posibilidade de comenzar os cultivos que precisan calor para xerminar cando o inverno todavía nos deixa algunhas xeadas. Deste xeito as nosas plantiñas estarán quentes e recollidas mentres son pequenas e, cando crezan e xa non faga tanto frío, serán transplantadas ó horto.
Non é recomendable sementar calquera especie desta forma xa que algunhas plantas sofren moito no transplante, como os chícharos.
Nós probamos con hortalizas que poden sementarse de forma directa pero que aceptan ben o interior, coma as leitugas e os pementos de Padrón e, unhas semanas despois, decidimos probar con espinacas e algunhas cenoiras, xa que o tempo non nos permitía baixar a sementar na terra.


¿Como o fixemos?
Cortamos unha das caras dos tetrabricks para ter unhas macetas xeniais para a sembra a voleo (espallar as sementes sen orde por toda superficie), sen esquecernos de facer buratiños na parte de abaixo, igual que nos vasos de iogur, para deixar que sala a auga de rego sobrante.

Enchemos os recipientes ata algo máis da metade con sustrato (terra) misturado cun pouco de compost caseiro do ano pasado, compactamos a terra un pouco e puxemos as sementes: a voleo nos tetrabricks e unhas pouquiñas nos vasos. Despois cubrimos cun pouco de terra, aplanamos, regamos e ¡a esperar!

Ás garrafas de 5L, que tamén poderían ser uns bos maceteiros, démoslles unha función diferente. ¡Convertímolas nos nosos pequenos invernadoiros individuais!
É moi sinxelo, só precisamos facer un corte preto da boca da garrafa que nos permita meter e sacar as macetas é pechar despois. Forramos ós bordes cortados con cinta de pintor para evitar perigos, xa que son moi cortantes.

Asoman as leitugas no pequeno invernadoiro

O plástico da garrafa fai que se manteñan no interior uns niveis de humidade e temperatura maiores que no exterior. Poidemos comprobar como as leitugas do "mini invernadoiro" xerminaron antes que as que deixamos destapadas.

Déixovos co álbume dos nenos de 5ºA sementando, en breves teredes o estado actual dos sementeiros e fotos das demáis actividades deste mes.